A protección aos/ás menores é unha das actividades principais da Unidade.
En cada unha das sedes constitúense, a tal efecto, grupos especializados que, en coordinación coa xefatura en Santiago, levan a cabo diversos traballos relacionados con menores e familia.
Aspectos como o control do absentismo escolar, a venda de alcol ou a utilización de menores na mendicidade; a busca, localización e reintegro de menores fugados; o control do tráfico minorista e do consumo de substancias estupefacientes por parte de menores, en centros educativos, no seu entorno ou noutros lugares de ocio son tarefas diarias dos/as axentes destinados/as no grupo de menores e familia.
Igualmente, destaca o traballo realizado na detección de malos tratos no ámbito intra-familiar, educativo e en centros de acollida daqueles menores en situación de desamparo.
Complementando este traballo, os distintos grupos de menores da Unidade, nas súas demarcacións respectivas, imparten charlas e visitan con frecuencia colexios ou institutos, concienciando aos menores e aos/ás docentes de temas tan importantes como os distintos tipos de acoso que se poden dar (bullying, sexting…) e fronte aos cales ofrecemos protección e atención especializada.