Competencias e funcións
A Lei Orgánica 2/1986 de Forzas e Corpos de Seguridade dispón o marco competencial que corresponde ás Comunidades Autónomas respecto das súas Policías.
No seu artigo 38 recolle que as Comunidades Autónomas en cuxos estatutos estea previsto crear Corpos de Policía para o exercicio de funcións de vixilancia e protección, ás que se refire o artigo 148.1.22ª da Constitución e as demais que lle atribúe a presente lei, poderán exercer con carácter de propias as seguintes funcións:
- Velar polo cumprimento das disposicións e ordes singulares ditadas polos órganos da Comunidade Autónoma.
- A vixilancia e protección de persoas, órganos, edificios, establecementos e dependencias da Comunidade Autónoma e dos seus entes instrumentais, garantindo o normal funcionamento das instalacións e a seguridade dos usuarios dos seus servizos.
- A inspección das actividades sometidas á ordenación ou disciplina da Comunidade Autónoma, denunciando toda actividade ilícita.
- O uso da coacción en orde á execución forzosa dos actos ou disposicións da propia Comunidade Autónoma.
As devanditas funcións recóllense expresamente no acordo administrativo de colaboración entre o Ministerio do Interior, do 22 de outubro de 1990, e nos subseguintes acordos sobre novas prórrogas, así como na Orde do Ministerio do Interior, do 19 xuño de 1991.