A loita contra os incendios forestais, o furtivismo e marisqueo ilegal e a protección do medio ambiente foron os tres piares que se intentaron manter cun alto grao de atención e de eficacia na resposta por parte do persoal da Unidade, sen descoidar a seguridade e protección de edificios e persoas, o patrimonio histórico e cultural.
Destaca a colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en temas de residuos sólidos urbanos (RSU), investigación no sector da distribución de pneumáticos, elaboración dun censo de puntos de vertidos incontrolados (PVI), tratamento dos lodos, residuos de construción e demolición (RCD), residuos de plásticos agrarios, inspección de talleres (control documental e tratamento de residuos) e control e vixilancia de augas continentais e costeiras (vertidos industriais, xurros e captacións).
En colaboración coa Consellería do Medio Rural, realízanse tarefas de control de feiras e mercados, de inspección do transporte animal, de residuos de subprodutos animais non destinados ao consumo humano (Sandach), de establecementos distribuidores de produtos fitosanitarios, campañas de controis de venda e transporte da uva de vinificación e pataca de semente. Con todo, a faceta máis coñecida de colaboración con esa consellería constitúea o labor continuada de investigación dos incendios forestais.
Incendios forestais
Seguindo as pautas marcadas polo Goberno da Xunta de Galicia no plan anual de defensa contra incendios (PLADIGA) a Policía Autonómica ten establecido un plan global de traballo en materia de incendios, tanto en actividades preventivas, como de investigación, para preservar os nosos bosques do lume.
O noso equipo multidisciplinar de investigación de lumes, que radica na xefatura da UPA en Santiago de Compostela, ten como principais funcións:
- Centralizar a actividade operativa despregada polos distintos equipos de investigación de incendios das xefaturas provinciais e a local de Vigo
- Unificar todos os informes emitidos
- Trasladar as directrices derivadas da participación da UPA nos órganos de coordinación policial da devandita actividade, en concreto, no Comité de Coordinación Policial contra incendios.
Estes servizos préstanse tanto por iniciativa propia como en colaboración coa unidade encargada da defensa contra os incendios forestais, da Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.
Este cometido, que se leva a cabo durante todo o ano, poténciase nos meses especialmente críticos, isto é xullo, agosto e setembro (campaña de verán).
Servizo de protección do medio natural
A protección do ambiente natural é unha das actividades fundamentais da UPA. Trátase de dar a resposta, da forma máis eficaz e eficiente posible, para erradicar o incumprimento do amplo espectro normativo que a Comunidade Autónoma galega ten en materia de protección do medio. Tamén, de subliñar a necesaria coordinación coas distintas unidades encargadas da conservación da natureza da Consellería de Medio Rural.
Servizo de caza e pesca fluvial
O control das actividades de caza e pesca fluvial esixe unha presenza permanente da UPA no medio rural. Debe resaltarse que a experiencia acumulada pon de manifesto nesta actividade un alto nivel de eficacia, tanto polo número de inspeccións practicadas como polo número de actas/denuncias estendidas e tramitadas.
Outras actuacións
A actividade de investigación esténdese a outras materias suxeitas a actividade de inspección administrativa e infraccións penais, como poden ser a protección do patrimonio, sanidade, hixiene, transportes, gandería, ordenación urbanística, costas, industria etc.