O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto o Comisario, Jorge Rubal Pena, Xefe da Unidade de Policía Adscrita de Galicia, participaron hoxe na apertura da Xornada sobre a intervención xurisdiccional con menores desenvolvida na Academia Galega de Seguridade Pública. No encontro interveñen o fiscal de Menores de Galicia, José Manuel Ucha, a maxistrada do Xulgado do Penal número catro de Pontevedra, Belén Rubido, e o doutor en Psicoloxía e director de Urrainfancia Javier Urra, quen fora o primeiro Defensor do Menor.
Dirixida a persoa das forzas e corpos de seguridade, xudicatura e Ministerio Fiscal, na sesión preto de 300 asistentes achéganse á xurisdición penal dos menores desde o punto de vista policial e xudicial, da man de Ucha, e ao trato aos menores e ás persoas vulnerables con especial incidencia nas violencias sexual e dixital, co relatorio a cargo de Rubido.
Pola súa banda, Urra abordará a importancia da educación como a mellor prevención, afondando na saúde mental infanto-xuvenil e nos aspectos relevantes no trato cos menores. Como peche da sesión celebrarase un coloquio.
Segundo indicou Santiago Villanueva, a iniciativa enmárcase na programación formativa da Academia Galega de Seguridade Pública para 2023, que ten entre as súas prioridades incidir no tratamento con colectivos vulnerables para dotar o persoal que participa nestas intervencións dos recursos e das habilidades precisas.
Así, nesta liña de acción, o calendario da formación continua deste ano para as forzas e corpos de seguridade inclúe cursos sobre tratamento policial dos menores que cometen delitos penais, protección de menores vítimas de infracción penais, menores e internet, redes sociais e adolescencia, tratamento a menores vítimas de violencia sexual e prevención do acoso escolar, entre outros.