A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou, esta mañá, nun simulacro de incendios no edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña. Cunha duración aproximada dunha hora, contou coa participación de varias dotacións de Bombeiros e da Policía Local, e a Unidade de Policía Nacional Adscrita.
O simulacro, tivo por obxectivo poñer a proba o plan de autoprotección do edificio, ademais de formar e aos centos de traballadores e traballadoras que cada día acoden ao seu posto de traballo.
En total, o número de evacuados alcanzou máis de 500 persoas, tendo en conta aos funcionarios e funcionarias e aos cidadáns que acudiron ao edificio a realizar algún tipo de trámite. Cabe destacar que o número total de traballadores do edificio supera as 750 persoas.
Ás 10.30 horas da mañá soou unha alarma de incendios e procedeuse ao desaloxo do edificio. Xa no exterior, o persoal acudiu a un punto de encontro previamente designado para cada planta.
A delegada territorial, Belén do Campo, destacou o bo resultado deste simulacro e a importancia de “estar preparados e contar cunhas directrices claras para poder actuar da mellor forma posible en caso dunha emerxencia real”. Ademais, a delegada quixo agradecer a todos os efectivos que participaron nesta recreación e aos funcionarios e funcionarias que interromperon a súa xornada laboral: “o comportamento de todos os traballadores foi exemplar e tamén o das persoas que se achegaron ao edificio a realizar algún trámite e tiveron que ser desaloxadas. Temos que agradecer a súa paciencia e comprensión”.
Varios funcionarios participaron como figurantes nos exercicios levados a cabo polos bombeiros. Os traballadores simularon estar feridos ou desorientados e tiveron que ser “rescatados” e atendidos polos profesionais.
Trátase do quinto simulacro destas características que se leva a cabo no edificio administrativo da Xunta na Coruña dende que foi construído.