24/09/2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario, xefe da Unidade de Policía Nacional Adscrita, Jorge Rubal, reuniuse co novo xefe do Equipo de Resposta Policial (ERPOL) da Unidade de Policía Nacional Adscrita, o inspector César Ramos, que se incorpora ao posto tras a xubilación do seu predecesor, o subinspector Fernando Molina. 

No encontro, o conselleiro deulle a nova benvida ao corpo da "Policía Autonómica", do que xa formou parte entre 1997 e 2009, e desexoulle un frutífero labor ao fronte dunha unidade fundamental, xa que posibilita a actuación policial inmediata ante calquera incidencia na comunidade, e con especial atención á loita contra o furtivismo e a pesca e o marisqueo ilegais.

Graduado en Criminoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, César Ramos desenvolveu a meirande parte da súa traxectoria profesional en Galicia. Así, tras o inicio na Xefatura Superior de Policía de Madrid a finais da década dos 90 do século pasado, integrouse no Grupo de violencia intrafamiliar e menores da UPA. Tras un ano como subinspector na comisaría local de Irún, regresou a Santiago de Compostela como subinspector e xefe da oficina de atención ao cidadán na comisaría local. Xa como inspector, os seus últimos cargos exerceunos como coordinador de servizos na comisaría local de Ferrol-Narón e como secretario local da comisaría local de Santiago de Compostela.

Ao longo da súa traxectoria recibiu diversas felicitacións e recoñecementos, entre os que cómpre salientar dúas cruces ao mérito policial e unha  medalla pola dedicación ao servizo policial.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook