14/07/2023

Durante o pasado mes de xuño a Xunta de Galicia puxo en marcha a quinta campaña arqueolóxica no pecio do Galeón San Giacomo di Galizia, en Ribadeo, despois das que levaron a cabo nos anos 2018, 2019, 2020 e 2022.

A Unidade de Mergullo da Armada de Ferrol (Ubufer) e o Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas (Goas) da Unidade da Policía Nacional adscrita a Galicia continúan na liña de colaboración conxunta que ambas unidades veñen desenvolvendo nas intervencións de seguridade no ámbito do Patrimonio Arqueolóxico Mergullado (PAS).

O obxectivo desta nova campaña, era poder avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XV e continuar cos traballos na parte central do buque, sondando o perfil transversal de babor da embarcación.

Ademais, continuouse coa monitorización da avaliación do pecio, que actualmente estaba cuberto de area achegada pola dinámica costeira. O proxecto complétase coa documentación do estado das pezas que constitúen a estrutura do pecio e o avance nos traballos de rexistro e documentación dos restos visibles.  

O avance destas últimas campañas permitiron constatar que se conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ao longo da eslora no costado de babor, localizar unha cureña naval, un elemento novo en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillería, e rescatar unha gran cantidade de munición de pedra e ferro, enxoval ou elementos de cerámica chinesa.

Este proxecto esta promovido e financiado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, contando coa colaboración do concello de Ribadeo, de Gardacostas de Galicia e o Real Club Náutico de Ribadeo.

No proxecto participaron investigadores da Universidade Nova de Lisboa, da Universidade de Southampton,  do Instituto of Nautical Archeology de Texas, destacan expertos do CSIC, da University of Wales Trinity Saint David, do Maritime Archaelogy Trust ou doutras institucións como a Federación Galega de Actividades Subacuáticas ou a Real Liga Naval Española.  O grupo de investigación estivo liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook