28/07/2023

Axentes do grupo de investigación de Erpol e mergulladores do Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas (GOAS) da Unidade de Policía Adscrita da Xefatura de Santiago xunto co Servizo de Gardacostas de Galicia comisaron entre o 21 e o 30 de xuño 362 quilos de diversas especies mariñas e 470 nasas no marco dun operativo de loita contra o furtivismo no litoral da ría de Arousa. Foron 300 quilos de polbo, 40 de nécora, 20 de lumbrigante e dous de santiaguiños que se liberaron no momento da incautación.

O operativo activouse tras ter coñecemento de que varias embarcacións pesqueiras furtivas estaban a traballar de noite e sen luces na zona de San Vicente do Mar, no concello do Grove. As pescudas realizadas deron como resultado a localización de varias liñas de nasas sen identificar con diversas especies mariñas no seu interior.

Neste sentido, tanto o polbo como a nécora se atopaban nese momento en veda co obxectivo de favorecer a súa reprodución. Ademais, varias das capturas do cefalópodo incumprían o tamaño e o peso regulamentario establecidos na normativa vixente.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola UPA no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook