Axentes da Unidade de Policía Adscrita da Xefatura da Coruña comisaron o pasado luns, 13 de febreiro, 6,2 quilos de percebe no marco dun dispositivo de loita contra o furtivismo na Coruña en colaboración con confrarías de pescadores locais.
No marco dun servizo de prevención de furtivismo os axentes foron informados da presenza na zona da Torre de Hércules que presuntamente estaban a realizar labores de marisqueo. A patrulla da UPA desprazada ata o lugar dos feitos atopou dous varóns que portaban sendas bolsas e que, ao decatarse da presenza policial, déronse á fuga.
Unha vez interceptados e identificados, os axentes comprobaron que se trataba de dúas persoas que contaban xa con denuncias previas relacionadas co marisqueo ilegal. Tamén comisaron 6,2 quilos de percebe ademais de 2 salabardos e 1 mochila.
A UPA levantou dúas actas de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia e o marisco comisado foi entregado a un centro benéfico da cidade coruñesa.
O operativo enmárcase no reforzo realizado pola UPA no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.