Axentes da Unidade de Policía Adscrita da xefatura de Pontevedra comisaron o pasado 15 de xuño máis de nove quilos de navalla no porto de Praceres, en Pontevedra.
Os axentes detectaron unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros nun cesto e agachaban na zona do aparcadoiro de vehículos do porto. Ao inspeccionalo, comprobaron que contiña 9,1 quilos de navalla e procederon ao seu comiso tras constatar que estaban por debaixo do talle mínimo. As navallas, ao atoparse vivas, foron devoltas ao mar nas proximidades da illa de Tambo.
A UPA, en coordinación co Servizo de Gardacostas de Galicia, levantou unha acta de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia.
O operativo enmárcase no reforzo realizado pola UPA no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.