17/06/2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita da Xefatura de Santiago de Compostela, en colaboración con axentes ambientais da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer dous incendios forestais rexistrados o pasado 5 de xuño, un deles no concello de Rois e outro no de Dodro.

O lume de Rois, rexistrado na parroquia de Formarís, afectou 400 metros de terreo. Na inspección ocular feita polos axentes observáronse restos dunha queima forestal realizada de xeito neglixente, polo que se identificou e tomou declaración á persoa presunta autora. 

No caso de Dodro, o incendio produciuse na parroquia de Laíño e afectou 500 metros de terreo. No lugar atopáronse restos de material pirotécnico e identificouse e tomóuselle declaración á persoa presunta autora do lanzamento.

En ambos casos, a UPA remitiu as dilixencias polos feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Padrón.

Na actual campaña a UPA leva investigadas 11 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook