Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita de Galicia en Lugo investigan unha persoa por un presunto delito de maltrato animal ante a situación de abandono na que se atopaban varios equinos nunca finca situada no lugar de Cruz de Cancela, no concello lugués de Mondoñedo.
Os feitos saíron á luz durante un servizo de vixilancia, cando unha patrulla da Unidade de Medio Ambiente observou a presenza dun poldro morto nunha charca, así como varios cabalos sen acceso a auga e en aparente estado de abandono. Ante esta situación, os axentes iniciaron as xestións necesarias para identificar á persoa responsable da parcela e dos animais.
Posteriormente, outro efectivo da mesma unidade desprazouse ao lugar e logrou localizar a persoa propietaria da finca. No transcurso da inspección, os axentes comprobaron tamén a presenza doutro cabalo tirado no chan, con claros síntomas de inanición e dificultades para incorporarse. Por este motivo, requiríuselle á persoa responsable que garantise de inmediato a atención dos animais, asegurando tanto o subministración de auga como a asistencia necesaria para aqueles que presentaban un estado máis grave. Así mesmo, desde a Instrución coordináronse actuacións con veterinarios da Consellería do Medio Rural para asegurar a atención urxente do equino afectado.
A persoa responsable dos animais resultou investigada por un presunto delito de maltrato animal e as dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Mondoñedo.
Cómpre sinalar que a Lei 32/2007 do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio ten como obxecto establecer as normas básicas para o coidado dos animais de produción, de xeito que se adoptarán as medidas necesarias para asegurar que, nas explotacións, os animais non padezan dores, sufrimentos ou danos inútiles. Así mesmo, o Código Penal recolle o delito de malos tratos animais, castigando unha serie de condutas nas que se causan lesións, se provoca a morte, se abandona en certas circunstancias ou se maltrata gravemente.