Axentes da xefatura provincial da Unidade de Policía Adscrita de Lugo, en colaboración coa Policía Local deste concello, levaron a cabo a pasada fin de semana un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade na capital luguesa. Como resultado das inspeccións levantáronse 12 actas de infracción por incumprimento das leis 2/1996 e 11/2010, en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores de idade.
Por unha banda, os axentes identificaron 45 menores e levantaron actas a 10 deles por consumo de alcohol. As outras 2 actas foron a establecementos.
O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.
25/04/2023