07/03/2023

Axentes do grupo de menores e Servizo Lima da xefatura provincial da Unidade de Policía Adscrita en Lugo, en colaboración coa Policía Local de Ribadeo, levaron a cabo a pasada fin de semana un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade no concello da Mariña luguesa. Como resultado das inspeccións levantáronse oito actas de infracción por incumprimento de diversas leis.
 
Por unha banda, os axentes identificaron 50 menores e levantaron seis actas de infracción por incumprimento da Lei 2/1996 e da Lei 11/2010, en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores de idade, e consumo de alcohol por parte dos mesmos. 
 
A maiores, realizáronse dúas actas por infracción da Lei 04/2015, de protección da seguridade cidadá, por tenencia de sustancias estupefacientes na vía pública.
 
Nas actuacións referidas a velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, e á Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, subministro, consumo e publicidade dos produtos do tabaco, os axentes da UPA realizan dispositivos periódicos diúrnos e nocturnos. 
 
O obxectivo é previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o seu consumo ilícito.
 
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.  

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook