Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita da Xefatura Provincial de Ourense acaban de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado xoves, 16 de febreiro, no concello ourensán da Peroxa. O lume produciuse no lugar de Barra, da parroquia de Graíces e afectou 0,47 hectáreas, das que 0,32 hectáreas foron de monte raso e as 0,15 restantes de superficie arborada.
A investigación puxo de manifesto que se tratou dun incendio provocado por un escape dunha queima sen as debidas medidas de seguridade. Como resultado, tomóuselle declaración a unha persoa como presunta autora do lume.
Nos traballos de extinción participaron un axente, unha brigada e unha motobomba.
A UPA remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución, en funcións e de Garda, número 1 de Ourense.
Trátase da primeira persoa investigada pola UPA na actual campaña como presunta autora de incendios forestais.