08/03/2023

Axentes da Unidade de Policía Adscrita da xefatura da Pontevedra, en colaboración co servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron o pasado venres, 3 de marzo, 21 quilos de centola, 9 quilos de choco e 3 quilos de bogavante no porto de Aguete de Marín.

Os axentes detectaron unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros e se introducían no interior dun vehículo. Ao inspeccionalo, localizaron no maleteiro catro cestos con centolas, chocos e bogavante e procederon ao seu comiso tras comprobar que o condutor e patrón da embarcación carecía de documentación de transporte da mercadoría.

A UPA levantou acta de denuncia por diferentes infraccións á Lei de pesca de Galicia, como a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado e o transporte da mercadoría sen documento e nun vehículo non autorizado. 
 
Do marisco comisado, as centolas e bogavantes, ao estar vivos, foron devoltos ao mar, mentres que os chocos foron entregados ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola UPA no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. 
 

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook