20/06/2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita da Xefatura de Santiago de Compostela en colaboración con axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 25 de maio no concello coruñes de Vimianzo. O lume afectou a 0,61 hectáreas de terreo na parroquia de Berdoias. 

A investigación puxo de manifesto tras unha inspección ocular que na parcela se atopaban varias pedras con marcas dunha rozadoira de cadeas, de maneira que os impactos das partes metálicas cos penedos xeraron chispas que deron lugar ao inicio do lume. Por estes feitos, tomouse declaración como presunta autora do incendio á persoa que realizou a roza forestal cun tractor e unha máquina de cadeas.

Os axentes remitiron as dilixencias ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Corcubión.

A UPA leva investigadas no que vai de ano un total de 12 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook