31/08/2023

Axentes da xefatura provincial da Unidade de Policía Adscrita (UPA) en Lugo, detiveron o pasado 22 de agosto un varón como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

Os axentes, tras recibir unha chamada do 112 Galicia alertando dunha muller que manifestara sufrir unha agresión por parte da súa parella, acudiron á dirección facilitada. A UPA procedeu á detención e trasladou o varón á comisaría da Policía Nacional de Lugo, onde se tramitaron dilixencias por presunto delito de violencia de xénero, que foron remitidas ao xulgado de garda de Lugo.

Actualmente a Unidade de Policía Adscrita ten asignada a protección de 285 vítimas de violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade.

A UPA asumiu competencias na materia en setembro de 2016, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Vioxén). 

As funcións que desenvolven os efectivos pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio...; o traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á comisaría para proceder á denuncia; a recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e a adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook