17/09/2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita (UPA) en Lugo e axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 5 de setembro na parroquia de Arcos do concello lucense de Outeiro de Rei. O lume afectou 0,05 hectáreas de superficie rasa. A rápida intervención do dispositivo anti incendios na extinción do lume evitou a súa propagación.

Os axentes procederon a tomar declaración como presunta investigada a unha persoa que xa fora detida por feitos similares en épocas anteriores. A colaboración conxunta de axentes da UPA e da UIFO coa veciñanza facilitaron as labores de investigación para esclarecer os feitos. Así, logrouse a identificación do autor ao que se detectara na zona de inicio do incendio, prendendo lume no monte a carón da estrada para fuxir posteriormente do lugar dos feitos nunha motocicleta.

A UPA remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución número 1 de Lugo. No que vai de ano, leva  investigadas 21 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia para evitar os incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook