Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita en Santiago veñen de esclarecer dous incendios forestais, un deles rexistrado o pasado 24 de abril no concello de Ribeira e outro o 23 de maio en Rianxo.
O lume de Ribeira produciuse no lugar de Deán Grande e afectou 75 metros cadrados de terreo agrícola. Nunha primeira inspección ocular, os axentes observaron que na parcela se atopaban restos de rozas agrícolas. Na extinción do incendio participaron un axente forestal, 2 cuadrillas e o Grupo Municipal de Emerxencias de Ribeira.
No caso do incendio en Rianxo, rexistrouse no lugar de Abuín, queimando 40 metros cadrados de terreo forestal arborado e na súa extinción traballaron un axente forestal e unha motobomba.
Os axentes identificaron e investigaron como presunta responsable do lume á persoa que executou os traballos de roza en Ribeira e ao presunto autor da neglixencia á hora de realizar queimas en Rianxo.
As dilixencias por ambos lumes trasladáronse ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira.
A Unidade de Policía Adscrita leva investigadas no que vai de ano un total de seis persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.