Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita en Ourense veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado martes, 22 de agosto, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. O lume afectou 0,41 hectáreas de superficie rasa.
A investigación puxo de manifesto, tras a inspección ocular da superficie afectada, que o incendio foi provocado durante os traballos de roza, sen as debidas medidas de seguridade necesarias á hora de realizala nesta época do ano.
Na extinción do lume participaron 1 axente, 5 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.
A UPA remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ourense. No que vai de ano, leva investigadas 19 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.