Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita en Ourense veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 31 de xullo no lugar de Hedreira, na parroquia de Couso do concello ourensán de Avión.
O lume afectou 0,18 hectáreas de monte raso e orixinouse durante a realización de traballos con serra radial sen as medidas de seguridade necesarias. As partículas incandescentes procedentes da corta de metal produciron o incendio.
Na extinción do lume participaron medios da Xunta, en concreto, dous avións, un helicóptero, tres axentes, seis brigadas e tres motobombas
A Unidade de Policía Adscrita tomou declaración como investigada á persoa responsable dos traballos e trasladou as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia.
No que vai de ano, a UPA leva investigadas un total de nove persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.