Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita (UPA) en Santiago esclareceron un incendio forestal rexistrado no concello coruñés de Boiro o pasado 12 de outubro. O lume produciuse na parroquia de Espiñeira e afectou 0,72 hectáreas de superficie arborada.
Como resultado da investigación e grazas á colaboración da Policía Local e da veciñanza, determinouse que se trataba dun incendio intencionado e logrouse identificar a persoa autora, da que xa constaban varios antecedentes policiais por provocar lumes forestais de xeito intencionado.
Os axentes tomáronlle declaración e remitiron as dilixencias ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira.
No que vai de ano, a UPA leva investigadas 23 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
15/12/2023