Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o pasado 4 de abril en Castrelo de Miño. O lume afectou 0,33 hectáreas de superficie rasa na parroquia de Barral.
O incendio rexistrouse polo escape dunha queima realizada sen as medidas de seguridade precisas. Na extinción do lume participaron un axente forestal, dúas brigadas e unha motobomba.
A Unidade de Policía Adscrita remitiulle as dilixencias por estes feitos, que se saldaron cunha persoa investigada, ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia. Trátase da primeira persoa investigada no que vai de ano como presunta autora dun incendio forestal.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.