04/09/2023

Axentes da Unidade de Policía Adscrita da xefatura de Santiago de Compostela en colaboración con axentes ambientais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda liberaron o luns 28 de agosto un azor atrapado nunha gaiola en Rois. Como resultado da actuación imputouse unha persoa como presunta autora dun delito contra a flora e a fauna.

A ave foi capturada nunha trampa situada no tellado dun pombal, onde foi atraída polas pombas que había no seu interior como reclamo. A gaiola, fabricada de xeito artesanal con malla metálica, tiña unha zona de maior tamaño cunha porta que se pechaba de maneira automática ao entrar o animal, e outra menor onde se colocaran como reclamo dúas pombas vivas. Tras avaliar o seu estado, tanto o azor como as pombas foron liberados.

Cómpre sinalar que o azor común está incluído na lista de especies en réxime de protección especial. As dilixencias por estes feitos fóronlle remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Padrón e a gaiola foi intervida.
 

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook