Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita en Santiago levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o pasado luns 24 no marco das festas do Apóstolo en Compostela. Como resultado das inspeccións identificouse 45 menores e levantáronse catro actas de infracción por incumprimento das leis 2/1996 e 11/2010, en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores de idade.
O levantamento das actas foi por unha banda a tres menores, a dous deles por consumo de alcohol e a outro por consumo de substancias estupefacientes, e por outra a un establecemento por venda de alcohol a menores de idade.
O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.