26/01/2023

Axentes do Equipo de Resposta Policial (ERPOL) da Unidade de Policía Adscrita comisaron 162 quilos de ourizo no marco dun dispositivo de loita contra o furtivismo na Coruña en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia e coa confraría de pescadores local.

Os axentes, tras ser informados por membros da confraría de que na zona do Portiño se estaban a extraer grandes cantidades de ourizo sen respectar os talles, procederon a realizar un seguimento a un grupo de persoas que resultaron ser furtivos habituais. 

Durante este seguimento detectaron un vehículo cargado con obxectos pesados que conseguiron interceptar despois de que se deran á fuga. A UPA comisou 7 cestas e 2 sacos con 162 quilos de exemplares de distintos talles, algúns deles por debaixo do permitido pola normativa vixente. Ademais, os ocupantes do vehículo non dispoñían do título necesario para a extracción deste recurso.

Os axentes da UPA, en coordinación coa base operativa de Gardacostas de Galicia na Coruña, levantaron dúas actas de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia e pola extracción de ourizos de distintos talles, incluíndo non regulamentarios.

O marisco comisado trasladouse á lonxa da Coruña para a correspondente pesada e posterior entrega á Confraría de Pescadores da Coruña co obxectivo de que volvese sementar os exemplares no mar.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Unidade de Policía Adscrita no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook