Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita (UPA) en Santiago de Compostela, en colaboración con axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e axentes ambientais do distrito forestal IV Barbanza da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 18 de febreiro no concello coruñés de Boiro. O lume afectou 600 metros cadrados de superficie arborada.
A investigación puxo de manifesto que se tratou dun incendio provocado por unha queima sen as debidas medidas de seguridade por parte da persoa que a estaba a realizar e que contaba cunha comunicación para poder realizala.
A UPA remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.
Trátase da terceira persoa investigada pola UPA na actual campaña como presunta autora de incendios forestais.