Axentes do Equipo de Resposta Policial (ERPOL) da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e o servizo de Gardacostas de Galicia comisaron un total de 21 quilos de ameixa (19 quilos de xaponesa e dous quilos de fina), así como diverso material utilizado para estas prácticas furtivas, no marco dun operativo conxunto desenvolvido os días 28 e 29 de xullo na ría de Ferrol.
Os axentes identificaron a 19 persoas e, como resultado, tramitáronse dez actas de sanción por infracción á Lei de Pesca de Galicia. Ademais, todas as ameixas comisadas foron resementadas no lugar onde se atoparon.
O operativo enmárcase no reforzo realizado pola UPA no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados por esta actividade ilegal. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.