05/09/2025

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Lugo e a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural veñen de esclarecer 17 incendios forestais provocados ao longo do verán nas parroquias de Goiriz e Lanzós, pertencentes ao concello de Vilalba.

A investigación, denominada operación Lapa, saldouse coa identificación dos dous presuntos autores, que foron detidos e postos  a disposición do xulgado da sección única do Tribunal de Instancia de Vilalba na xornada de hoxe, xunto coas dilixencias practicadas.

Ao inicio da investigación, a UIFO puxo en coñecemento tanto da UPA como do Xulgado de Vilalba os feitos acontecidos para continuar coa operación. Cómpre destacar que os incendios presentaban patróns comúns, xa que se iniciaban nos bordes das pistas forestais, entre as 23,00 e as 03,00 horas, afectaban maioritariamente a zonas arboradas e non se atopaban restos de material acelerante nin medios de ignición. As pescudas realizadas tamén constatan que a reiteración dos feitos e a súa localización próxima ao domicilio das persoas detidas indicaban unha clara intención de xerar alarma social.

No que vai de ano, a UPA leva 23 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través das nosas contas de Facebook, Instagram e X