Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), en colaboración coa brigada de extinción de incendios con base en Rois, esclareceron un incendio forestal e tres conatos rexistrados neste municipio coruñés, concretamente nas parroquias de Augasantas e Leroño.
Todos eles afectaron unha superficie de 2,33 hectáreas de monte arborado, participando na extinción medios da Consellería de Medio Rural.
Os axentes da UPA identificaron como presunta responsable dos lumes unha persoa á que lle tomaron declaración e que xa fora detida no ano 2024 acusada de provocar outro incendio forestal. O atestado remitiuse ao Xulgado de garda de Padrón.
No que vai de campaña, a UPA leva detidas ou investigadas 13 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.