15/04/2025

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Ourense esclareceron dous incendios forestais rexistrados o 31 de marzo no Barco de Valdeorras e no Bolo.

O lume no Barco de Valdeorras rexistrouse na parroquia de Éntoma e afectou 0,16 hectáreas de superficie arborada. Os axentes observaron indicios de que o lume fora orixinado por mor de partículas incandescentes procedentes dunha queima de restos agrícolas, realizada sen as debidas medidas de seguridade. Na extinción participaron dous avións, un axente forestal, catro brigadas e unha motobomba. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda do Barco de Valdeorras.

Con respecto ao incendio do Bolo, rexistrado na parroquia de Cambela e que afectou 0,05 hectáreas de superficie rasa, as investigacións concluíron tamén que se debeu a un escape de queima de restos agrícolas sen as medidas de seguridade precisas. O lume foi extinguido por dous avións, un axente, unha brigada e dúas motobombas, e as dilixencias remitíronse ao Xulgado de Instrución en funcións de garda da Pobra de Trives.

En cada un dos casos resultou investigada unha persoa. Deste xeito, no que vai de ano a UPA leva investigadas catro persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook