01/08/2025

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron dous incendios forestais rexistrados o 14 e o 16 de xullo nos concellos de Xunqueira de Espadañedo e Xunqueira de Ambía, respectivamente.

Nos dous lumes, os axentes observaron, tras unha inspección ocular, que iniciaran durante tarefas de desbroce realizadas con tractor sen aplicar as debidas medidas de seguridade.

O incendio de Xunqueira de Espadañedo rexistrouse na parroquia de Celareira e afectou 0,4 hectáreas de superficie rasa. Na extinción participaron dous medios aéreos, tres axentes forestais, oito brigadas e cinco motobombas.

En canto ao incendio sucedido en Xunqueira de Ambía, o lume rexistrouse na parroquia de Siota e afectou a 1,1 hectáreas, case na súa totalidade de superficie forestal. Na extinción participaron catro avións, tres helicópteros, dous axentes forestais, dous técnicos, cinco brigadas e tres motobombas.

As dilixencias en ambos casos foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Ourense. En cada un dos lumes resultou investigada unha persoa. No que vai de campaña, a UPA leva 13 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través das nosas contas de Facebook, Instagram e X