Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o 9 de xullo no concello de San Cristovo de Cea.
O incendio rexistrouse na parroquia de Casas Novas e afectou 0,58 hectáreas de superficie rasa. Nunha inspección ocular, os axentes observaron indicios de que o lume fora provocado durante unhas labores de desbroce manual nas que non se tomaran as debidas medidas de seguridade. Na extinción participaron dous avións, un helicóptero, dous axentes forestais, cinco brigadas e dúas motobombas.
As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de O Carballiño. Neste caso resultou investigada unha persoa. No que vai de campaña, a UPA leva dez persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.