Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Santiago de Compostela esclareceron un incendio forestal rexistrado o 16 de xullo no concello de Lalín.
O incendio rexistrouse na parroquia de San Martiño de Maceira e afectou a unha superficie total de 83 hectáreas, das que 50 foron de superficie forestal e 33 hectáreas foron de superficie rasa. Nunha inspección ocular, os axentes observaron indicios de que o lume fora provocado durante unhas tarefas agrícolas realizadas cunha máquina segadora nas que non se tomaran as debidas medidas de seguridade. Na extinción participaron 13 medios aéreos, 13 axentes forestais, dous técnicos, 16 brigadas e 12 motobombas.
As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Lalín. Neste caso resultou investigada unha persoa. No que vai de campaña, a UPA leva 13 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.