Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o 31 de xullo no concello de Celanova.
O incendio rexistrouse na parroquia de Amoroce e afectou unha superficie de 0,1 hectáreas de superficie rasa. O lume orixinouse de forma intencionada, con tres focos moi próximos entre si, presuntamente por unha persoa á que no momento da súa detención lle foron intervidos varios chisqueiros e papel presumiblemente destinados a prender lume.
A detención enmárcase nunha investigación levada a cabo pola UPA centrada nos incendios forestais rexistrados nesta zona, onde xa se estaba realizando un seguimento. A persoa detida levaba meses baixo vixilancia e impútaselle a autoría doutros 20 lumes ocorridos na mesma área, 13 deles no ano 2024 e 7 no 2025.
Na extinción do lume de Amoroce participaron un axente forestal, catro brigadas e dúas motobombas.
As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Celanova. No que vai de campaña, a UPA leva 14 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.