20/02/2025

Axentes da xefatura provincial da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Lugo levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o día 15 de febreiro na cidade de Lugo. Como resultado das inspeccións en sete locais, os axentes identificaron 56 persoas e levantaron 11 actas de infracción que foron remitidas á Consellería de Sanidade. A maiores, interviñéronse diversas substancias estupefacientes.

Seis das 11 actas foron por consumo de alcohol por parte de menores, e outra a un establecemento por venda de alcohol a menores, como infraccións da Lei de Galicia sobre drogas e da Lei de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Ademais, rexistráronse tres actas por tenencia de substancias estupefacientes na vía pública e unha máis por falta de respecto a axente da autoridade, infrinxindo nestes casos a Lei de protección de seguridade cidadá.

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e a subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas como en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook