Axentes da xefatura da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Lugo levaron a cabo o pasado 8 de xuño un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade nas festas do Carme de Burela. Como resultado do dispositivo, os axentes levantaron 13 actas de infracción e identificaron 65 persoas.
Unha decena das actas levantadas responderon ao consumo de alcohol por parte de menores. As outras tres correspondéronse coa tenencia de substancias estupefacientes na vía pública, infrinxindo a Lei de Protección de Seguridade Cidadá.
O dispositivo enmárcase nas accións dirixidas a velar polo cumprimento da Lei 11/2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade, co obxectivo de previr a venda e a subministración de alcohol a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares pubs ou discotecas, como noutros establecementos expendedores de alcohol e tabaco como poden ser supermercados e tendas 24 horas. Ademais, efectúanse intervencións preventivas nas concentracións de mocidade nas vías públicas coa fin de controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.
Dispositivo de inspección en Lalín
Este operativo únese a outro que levaron a cabo axentes da UPA en Santiago de Compostela na localidade pontevedresa de Lalín o pasado 22 de maio, tamén coa fin de previr o consumo de alcohol por parte de menores de idade. Como resultado das 29 inspeccións feitas, os axentes levantaron catro actas de infracción por causa de actuacións relacionadas coa Lei 6/2025, do 23 de decembro, de protección da saúde das persoas menores e prevención das conductas aditivas.