29/09/2026

Axentes da xefatura da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Santiago de Compostela levaron a cabo neste mes de setembro dispositivos de prevención de consumo de alcohol por menores de idade nas festas do Nazareno na Pobra do Caramiñal e nas festas de Guadalupe en Rianxo. Como resultado dos dispositivos, os axentes levantaron cinco actas de infracción e identificaron  145 persoas.

O dispositivo da Pobra do Caramiñal desenvolveuse os días 19 e 21 de setembro, datas nas que se realizaron 18 inspeccións en establecementos e zonas de lecer frecuentadas por menores. Como resultado das inspeccións, nas que se identificaron 56 persoas, os axentes levantaron catro actas de infracción por mor de actuacións vencelladas á protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas aditivas.

No que respecta ao dispositivo das festas de Guadalupe en Rianxo, efectuáronse 24 inspeccións nas que se identificaron 89 persoas e nas que os axentes levantaron unha acta de infracción.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través das nosas contas de Facebook, Instagram e X