Axentes da xefatura provincial da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Santiago de Compostela levaron a cabo un dispositivo conxunto de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o pasado 24 de xaneiro na localidade pontevedresa de Silleda. Como resultado, dos 17 locais inspeccionados, levantáronse cinco actas de infracción por carecer os establecementos de cartel informativo da prohibición de venda e subministro de alcohol a menores de idade, que foron remitidas á Consellería de Sanidade.
O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expendedores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.