14/02/2025

Axentes da xefatura da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Santiago de Compostela levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o día 7 de febreiro na localidade coruñesa de Arzúa. Como resultado das inspeccións en 17 locais, os axentes levantaron sete actas de infracción por carecer os establecementos de cartel informativo da prohibición de venda e subministro de alcohol a menores de idade que foron remitidas á Consellería de Sanidade. 

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e a subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas como en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.  

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook