A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia detivo unha persoa por furtivismo, ademais de identificar outras seis persoas que permanecen como investigadas no marco de diversos dispositivos especiais de vixilancia desenvolvidos en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia e a confraría de pescadores da Coruña destinados á detección e persecución do furtivismo organizado na ría da Coruña.
A persoa detida tiña unha resolución xudicial de inhabilitación especial para o exercicio da caza e da pesca tras ser sorprendida en polo menos tres ocasións participando en actividades extractivas ilegais. Imputáronselle tres delitos de quebrantamento de condena e un delito contra a flora e a fauna pola súa participación directa na actividade extractiva ilegal. Nesta detención contouse coa colaboración da Policía Local de Oleiros.
No que respecta ás outras seis persoas, foron identificadas e investigadas pola súa implicación directa na actividade furtiva, tanto na extracción como no apoio loxístico ao grupo. Impútaselles un delito contra a flora e a fauna, pola súa implicación na extracción e no apoio loxístico ao furtivismo.
Todas elas carecían de permisos de marisqueo e realizaban a actividade fóra das horas e períodos autorizados, incumprindo tamén as restricións relativas ás tallas mínimas. Ademais, para a extracción empregaban rasquetas metálicas, un instrumento que arrinca de maneira indiscriminada todos os exemplares adheridos á rocha. Este método deixa a superficie rochosa completamente despoboada, destrúe o hábitat da fauna mariña asociada e provoca un impacto ambiental moi elevado, afectando tanto ao recurso marisqueiro como á sustentabilidade ecolóxica da zona.
A investigación continúa aberta e non se descartan novas actuacións en relación con outros posibles participantes, puntos de venda ou redes de distribución da mercadoría obtida ilegalmente.
Este operativo enmárcanse no reforzo realizado pola UPA, en colaboración coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias.