Axentes do Equipo de Resposta Policial (Erpol) da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) e do servizo de Gardacostas de Galicia, en colaboración coa Confraría de Pescadores da Coruña, comisaron 77,9 quilos de ameixa, así como diverso material utilizado para estas prácticas furtivas, no marco dun operativo conxunto desenvolvido a comezos deste mes nas rías da Coruña e Ferrol.
Na intervención, realizada entre o 3 e o 7 de novembro, os axentes conseguiron identificar nove persoas e tramitaron oito actas de sanción, sete delas por infrinxir a Lei de Pesca de Galicia e outra por infracción á Lei orgánica de protección da seguridade cidadá. Ademais, procedeuse á detención dunha persoa por un presunto delito de atentado contra axente da autoridade.
A este operativo súmanse outros dous conxuntos desenvolvidos pola UPA e Gardacostas entre o 6 e o 10 de novembro na Ría de Arousa e en colaboración co servizo marítimo da Garda Civil, que permitiu o comiso de 340 quilos de centola e a incautación de 4.450 metros de miños.
Este operativo enmárcanse no reforzo realizado pola UPA, en colaboración coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias.