A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia, en colaboración coa Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, comisou 31,40 quilos de ameixa e berberecho e diverso material para o furtivismo no marco dun operativo conxunto de prevención do furtivismo levado a cabo pasado 18 de decembro nas praias do concello coruñés de Boiro.
Como resultado da actuación, os axentes identificaron nove persoas, inspeccionaron un vehículo e tramitaron 13 actas de sanción, oito delas por infracción Lei de Pesca de Galicia e as cinco restantes por infracción da Lei Orgánica 4/2015. Ademais, todo o marisco incautado foi resementado no mesmo lugar no que fora atopado.
Este operativo enmárcanse no reforzo realizado pola UPA, en colaboración coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias.