Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), da Consellería do Medio Rural, e efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense, participaron nunha investigación conxunta que permitiu a identificación de tres veciños do concello de Verea como presuntos coautores de numerosos incendios forestais provocados de maneira intencionada neste municipio e tamén no de Quintela de Leirado, ambos na provincia de Ourense.
As actuacións iniciáronse tras detectarse varios incendios forestais de orixe intencionada en distintos puntos da comarca de Terra de Celanova, caracterizados pola súa proximidade espacial, reiteración temporal e similitude nos patróns de execución.
Ante esta situación, a UIFO activou un dispositivo específico de investigación e vixilancia, combinando medios técnicos e operativos especializados, así como tecnoloxía adaptada ás necesidades do medio forestal e ás características do terreo obxecto de investigación. No transcurso da investigación, os axentes ambientais obtiveron elementos técnicos e testificais de interese, compatibles coa posible participación dos ocupantes dun vehículo presente na zona inmediatamente antes do inicio do incendio investigado.
Incendio o pasado 1 de abril
A análise integrada das distintas actuacións permitiu reconstruír con precisión a secuencia temporal dos feitos relacionados cun dos incendios investigados, rexistrado o pasado 1 de abril no lugar de Bangueses, no concello de Verea. O dispositivo permitiu tamén detectar un patrón común entre varios incendios forestais que se produciron nestes concellos nun curto intervalo temporal, apreciándose coincidencias na localización, franxa horaria, accesibilidade e modo de execución.
Como resultado da investigación conxunta desenvolvida pola UIFO e pola UPA en Ourense, unha vez recompilados os distintos indicios e elementos probatorios, procedeuse á apertura do correspondente atestado policial e tomouse declaración a tres persoas en calidade de investigados por numerosos incendios forestais intencionados nos municipios de Verea e Quintela de Leirado.
As dilixencias por tales feitos foron remitidas á sección de Instrución do Tribunal de Instancia en funcións de Garda de Bande.
No que vai de campaña, a UPA leva 12 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta lembra que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.