09/05/2022

A Unidade de Policía Adscrita (UPA) e a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural esclareceron tres incendios na provincia da Coruña, dous deles acontecidos o pasado 25 de abril nos concellos de Cee e Rois e outro o 28 de abril no de Muros.

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da sede de Santiago de Compostela, en colaboración con persoal da UIFO, resolveron de forma coordinada e conxunta a autoría dos lumes que se produciron, nos tres casos, debido á realización de queimas nas que non se levaron a cabo todas as medidas de seguridade pertinentes. Os feitos comunicáronse á Consellería do Medio Rural, se ben as queimas non se atopan prohibidas nas datas nas que se rexistraron os incendios.

Os lumes producíronse nas parroquias de Ameixenda, en Cee; de San Miguel, en Rois; e na de Tal, en Muros, cunha superficie afectada de 1.600 metros cadrados en cada un dos dous últimos casos.

As dilixencias foron remitidas aos Xulgado de Instrución de Garda de Corcubión, Padrón e Muros, respectivamente.  

No que vai de ano, a UPA leva investigadas 22 persoas como presuntas autoras de incendios forestais. 

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook