A UPA, en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural, vén de esclarecer un incendio forestal intencionado rexistrado o pasado luns, 15 de agosto, en Santiago de Compostela que afectou 5.900 metros cadrados de monte raso.
Axentes do grupo de investigación de incendios da xefatura da UPA identificaron a un dos presuntos autores deste lume rexistrado no lugar dos Vilares, na parroquia de San Caetano, grazas á colaboración de dúas testemuñas que viron fuxir a dúas persoas desde o lugar no que se orixinou o lume.
Na investigación colaboraron tamén axentes da Policía Nacional de Santiago de Compostela e axentes ambientais do Distrito forestal III de Ordes, o que amosa a coordinación e colaboración entre as distintas administracións na loita contra os incendios.
As dilixencias polos feitos xa foron enviadas pola UPA ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Santiago de Compostela, se ben a investigación policial segue aberta á espera de identificar a outro dos autores. Así, as pescudas da UPA establecen que o lume foi intencionado e que se iniciou previsiblemente cun chisqueiro, tal e como recollen no atestado.
No que vai de ano, a UPA leva investigadas 37 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.