15/09/2022

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da UPA en Santiago de Compostela, en colaboración con axentes ambientais do Distrito Forestal III Santiago-Ordes, veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o 3 de setembro no concello coruñés do Pino. O lume produciuse no lugar do Amenal e afectou 7.000 metros cadrados de superficie rasa e arborada.

Os axentes da UPA constataron durante a súa investigación que había varias cabichas na zona, polo que centraron as súas pescudas en descubrir se alguén estivera fumando na zona. A persoa investigada recoñeceu que fumara no punto de inicio do lume momentos antes de que comezara a arder e recoñeceu que tirara as cabichas sen apagar ao chan sobre a herba seca da finca.

Dado que o incendio se produciu nun momento de perigo extremo de incendio forestal xunto coa aridez extrema e os refachos de vento déronse as condicións suficientes para que o calor da cabicha en contacto co combustible vexetal fino e seco iniciase a combustión na finca e que posteriormente as lapas se propagaran á masa forestal.

As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Arzúa.

No que vai de ano, a UPA leva investigadas 46 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

A Xunta continúa apelando á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook