Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da UPA Ourense veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o 5 de setembro no concello de Ourense. O lume produciuse na parroquia de Palmés e afectou 1,45 hectáreas de superficie arborizada.
O incendio produciuse ao caer unha árbore sobre un tendido de liña eléctrica. Como resultado das pescudas, tomóuselle declaración en calidade de investigada á persoa que estaba a realizar a curta.
Nos labores de extinción participaron un axente, cinco brigadas, tres motobombas, catro avionetas e dous helicópteros. A UPA remitiulle as dilixencias polos feitos ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense.
No que vai de ano, a UPA leva investigadas 45 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta continúa apelando á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios para evitar incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
09/09/2022