Axentes do grupo de menores da xefatura provincial da Unidade de Policía Adscrita en Lugo levaron a cabo a semana pasada, entre o 26 e o 30 de decembro de 2022, varias inspeccións en locais comerciais de concellos da provincia lucense no marco dun dispositivo de control de venda de produtos de tabaco.
A UPA realizou os controis tras ter coñecemento por parte da xefatura territorial da Consellería de Sanidade en Lugo, da posible venda a menores de produtos de tabaco como vapeadores e cigarros electrónicos en locais comerciais da provincia.
Como resultado das inspeccións os axentes levantaron 3 actas de infracción por incumprimento da Lei 28/2005 , do 26 de decembro -modificada pola Lei 42/2010, do 30 de decembro, e polo Real Decreto 17/2017, de 17 de novembro- de medidas sanitarias fronte o tabaquismo e reguladora de venda, subministro, consumo e publicidade dos produtos do tabaco.
Nas actuacións referidas a velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcólicas en menores de idade, e á Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, subministro, consumo e publicidade dos produtos do tabaco, os axentes da Policía Autonómica realizan dispositivos periódicos diurnos e nocturnos co obxectivo de previr a venda e o subministro a menores de idade tanto en locais de ocio como bares, pubs, discotecas como en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o seu consumo ilícito.
Por tanto, a actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcol e tabaco, pero tamén, moi especialmente, que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables no que atinxe ao alcol e tabaco, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.
03/01/2023